Récord de participación no VIII Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil
A palentina Encarna Ruíz Rodríguez facíase co primeiro premio, dotado con 1.000 euros, polo traballo "Una Vida de Película"
Máis dun milleiro de traballos se presentaban na oitava edición do Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil, que convoca este concello ourensán. “Este ano batéronse todos os récords pois presentáronse 1.044 participantes, o que dá unha idea da difusión do mesmo e do arduo traballo do xurado composto por Antonio Carreño, catedrático emérito da Brown University e veciño de Parada de Sil, polo profesor e ex director do IES Otero Pedrayo de Ourense, Arturo Fernández; e polo Inspector de Ensinanza Delfín Caseiro, a quen lle agradezo o seu traballo de moitas horas de xeito totalmente desinteresado”, sinala o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Neste martes 2 de xuño o Concello facía públicos os nomes dos ganadores desta edición. Co primeiro premio, dotado con 1.000 euros, alzábase a palentina Encarna Ruíz Rodríguez co microrrelato titulado “Una Vida de Película”.
O segundo (500 euros) e o terceiro premio (300 euros) quedaban en Galicia, sendo, respectivamente, para Nones Araújo Fernández de Vigo co traballo “A preñez Desiguala” (escrito en galego) e para a coruñesa Siddharta Álvarez Sánchez co microrrelato titulado “Café Solo”. Este terceiro premio non estaba nas bases, pero o xurado propúxoo “dada a alta calidade dos concursantes e a elevadísima cantidade”.
Dende o Concello de Parada Sil destácase a participación neste concurso de escritores de toda España, de moitos países de América como Ecuador, Colombia, Cuba, Venezuela e especialmente Arxentina con cerca de 50 participantes. Tamén hai microrrelatos chegados dende Canadá, EE.UU. e de Israel e dende outros países europeos.
O alcalde Aquilino Domínguez amosa a súa satisfacción polo que significa esta participación que serve, “ao mesmo tempo, para difundir a Ribeira Sacra así como para animar a escribir”.
A entrega de premios farase previa comunicación aos interesados “ao non poder celebrarse o acto no que estaba previsto”, segundo informa o Concello de Parada de Sil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario